Estudiantes, CB Burela e Carferlo Viveiro comezan con vitorias

En 2ª División, Infantil, Infantil Feminino

Estudiantes soubo administrar a renda

 

FRANCISCANOS 42 – ESTUDIANTES 49

Estudiantes e Franciscanos inauguraron o pasado sábado a Liga no Anexo. O derbi capitalino, o encontro máis madrugador da primeira xornada, rematou cun triunfo de Estudiantes, que soubo administrar a renda de 18 puntos lograda na primeira parte ante un equipo local que acusou máis os cambios de dimensións do terreo de xogo e das canastras que implica o paso á categoría infantil.
A forte defensa en toda a pista das estudiantís e os erros baixo o aro das colexiais en momentos clave decantaron o encontro a favor do equipo visitante que, con todo, viu como Franciscanos recurtaba diferenzas ao final do partido.
O triunfo das celestes fraguouse sobre todo na primeira metade en que se impuxeron nos dous parciais, 8-15 e 9-20, chegando ao descanso 18 puntos por riba no marcador.
Malia o resultado Franciscanos non lle perdeu a cara ao encontro e, tras o paso polos vestiarios, as colexiais comezaron a recortar distancias.
O ritmo de anotacións das visitantes baixou notablemente, quedando en só 14 puntos en toda a segunda metade, un menos dos que lograran no primeiro cuarto.
Pola contra a Franciscanos favoreceulle o paso dos minutos. As colexiais, máis cómodas sobre a pista, foron de menos a máis no encontro, reducindo a diferenza no marcador ata deixala en sete puntos.
Franciscanos continuará a competición ante CB Viveiro, que gañou o seu primeiro partido na Liga, a vindeira xornada. Pola súa parte, Estudiantes terá que medirse ao CB Burela 2005, que o ano pasado foron campioas provincias de minibásket.

 


 

O Burela amosa as credenciais

 

CIDADE 38 – CB BURELA 70

O CB Burela, que chega á categoría co aval de ter logrado o título provincial de minibásket en 2016/2017, foi o equipo máis acertado na xornada inaugural da Liga provincial infantil. Unha competición que, a diferenza das últimas temporadas, se disputará nun grupo único.
O equipo de Carlos Madar amosou as súas credenciais no primeiro cuarto do encontro ante Cidade de Lugo. A defensa presionante das mariñás e a súa eficacia nos contraaques foron abrindo a brecha no marcador, que xa lles daba 29 puntos de vantaxe ao descanso.

 


 

O Viveiro gaña ao contraataque

 

ENSINO 27 – VIVEIRO 53

O CB Viveiro logrou outra vitoria a domicilio, ante Ensino. As mariñás foron decantando o partido con roubos de balón e canastras en contraataques, aínda que estiveron pouco acertadas no ataque posicional. As visitantes impuxéronse nos tres primeiros parciais, mentres que o último acabou con empate, 8-8.
O outro encontro previsto para a primeira xornada, CB Sarria-Galén Ensino, aprazouse.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.


*

Mobile Sliding Menu