A defensa do Estudiantes non mira ao marcador

En 1ª División, Júnior, Junior Masculino, Principal grande

Recital defensivo dos de Marcos López nun partido que xa sentenciaran nos primeiros dez minutos

Estudiantes segue sen conceder opcións na Liga Galega júnior masculina. O conxunto de Marcos López está facendo sinxelo o máis complicado, e é que unha vez que rompe o marcador ao seu favor segue coa mesma intensidade que ao comezo do encontro ou si o partido continuase sendo igualado.
Na última cita, a cuarta xornada de Liga, recibiron a Sigaltec no Anexo nun partido adiantado ao pasado xoves. Estudiantes saltou á pista coa mellor das predisposicións e non tardou en desnivelar o marcador ao seu favor cun baloncesto brillante. A intensidade defensiva propiciou ataques rápidos e fluídos ante un Sigaltec que intentou ser duro en defensa pero viuse superado polos celestes, que cortaron as liñas de pase e dominaron o rebote para manter un goteo constante de canastras para levar o marcador ata o 32-10 co que finalizou o primeiro cuarto.
A partir de aí as rotacións mantiveron o listón alto e Estudiantes conseguiu o máis complicado; seguir defendendo coa mesma intensidade pese a que a diferenza no marcador íase aumentando co paso dos minutos ata chegar ao descanso con 58-19 no electrónico.
A segunda parte transcorreu polo mesmo guión, con Estudiantes moi metido no partido, traballando duro en defensa e anotando con moita fluidez por parte de todos os xogadores ata pechar o marcador co avultado e merecido 110-40.
Próxima xornada
O conxunto de Marcos López viaxa a Porriño para medirse con PBB, un conxunto que suma tres vitorias e unha derrota neste inicio de tempada, polo que pode ser unha proba esixente para un Estudiantes que segue mostrándose como o gran rival a bater esta tempada na Liga Galega júnior masculina.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.


*

Mobile Sliding Menu