Cidade exprimiu a Estudiantes no derbi e Carferlo deixou escapar a vitoria

En 2ª División, Júnior, Junior Masculino

CIDADE DE LUGO 72 – ESTUDIANTES 42

CARFERLO VIVEIRO 48 – NARÓN 54

 

Cidade de Lugo volveu chegar pletórico á segunda parte como na pasada xornada. Nesta, os de Adrián González decantaron o derbi capitalino da Segunda División júnior masculina cun parcial de 44-20 na segunda metade.
A primeira, disputada de poder a poder, finalizou cun axustado 28-22 no marcador. Ata entón o encontro empezou cun parcial inicial de 11-0 para Cidade co que parecía que rompía o partido desde o inicio, pero moi lonxe da realidade xa que, tras un tempo morto de Sise Peinó, Estudiantes reaccionou.
A defensa celeste cortou a sangría e aos poucos recortaron distancias ata pechar o primeiro parcial cun axustado 14-12.
O partido igualouse por completo polo que todo se decidiu tralo descanso. Cando se reanudou o encontro tan só un equipo tivo protagonismo na pista e ese foi o de Cidade cun Pablo Mato imparable, 30 puntos, secundado por Guille Rasilla e Pablo Díaz, con 19 puntos cada un.
A actividade defensiva de Cidade propiciou moitas perdas en Estudiantes e estas traducíronse en canastras coas que romperon o encontro ao seu favor para terminalo pletóricos cun 21-8 no último parcial.

O Carferlo Viveiro deixou escapar con vida a Narón nun partido no que os de Carlos Novo foron moi irregulares. Nos picos de bo xogo sentíronse superiores ao seu rival, pero cando chegaron as lagoas Narón puxo terra polo medio.
A Viveiro custoulle meterse no encontro, tomando a iniciativa no marcador Narón, pero aos poucos os mariñaos empezaron a recuperar o tempo perdido ata finalizar o primeiro cuarto cun axustado 11-13. No segundo parcial Narón foi mellor e levou a diferenza ata o 21-27 co que se chegou ao descanso.
Ao comezo da segunda parte Viveiro despregou o seu mellor xogo, chegando a empatar o encontro de cara a un último parcial no que a veteranía de Narón decantou o resultado. A tres minutos para o final o marcador era de empate, pero nas posesións clave os visitantes tiveron a cabeza máis fría e a iso engadíronlle boas porcentaxes desde o tiro libre para alzarse coa vitoria final.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.


*

Mobile Sliding Menu